Un dos momentos máis emotivos do evento gastronómico solidario Estrelas no Camiño, organizado con tanto agarimo polos irmáns Rial do restaurante Casa Barqueiro, é a tradicional imposición de chaquetillas aos chefs participantes. Cada ano deseñase unha chaquetilla especial que destaca sobre todas: a Chaquetilla de Ouro.

Esta distinción, ideada e impulsada polo xornalista e promotor cultural Alberto Barciela, simboliza moito máis ca un recoñecemento a unha traxectoria chea de éxitos. Representa a experiencia, a paixón pola gastronomía, a suma de estrelas Michelin acadadas, pero, sobre todo, o compromiso, a xenerosidade e a implicación con Estrelas no Camiño. É unha homenaxe a quen, máis alá do seu talento culinario, demostrou un corazón enorme e un vínculo especial con este proxecto solidario.

Este ano, con gran emoción, a Chaquetilla de Ouro foi entregada aos irmáns Sergio e Javier Torres, de Cocina Hermanos Torres. Dous cociñeiros extraordinarios… e, o que é aínda máis importante, dúas persoas excepcionais. Polo seu carisma, pola súa proximidade, polo agarimo sincero que transmiten, a familia de Casa Barqueiro sentiunos como da casa desde o primeiro día.

Ao longo dos anos, esta distinción tan especial tamén foi concedida a lendas da nosa gastronomía como Elena e Juan Mari Arzak, Martín Berasategui ou Marcos Granda, Chucho Costiña entre outros. Todos eles forman parte xa da historia e da alma de Estrelas no Camiño.