• Estrelas Solidarias no Camiño 2026: unha edición para lembrar

    A XII edición de Estrelas Solidarias no Camiño deixou momentos inesquecibles que volveron demostrar a capacidade da gastronomía para unir persoas arredor da solidariedade, a amizade e o compromiso social.

    As actividades comezaron coa visita dos chefs convidados a Stolt Sea Farm, onde puideron coñecer de preto o traballo desenvolvido arredor da acuicultura sostible e da excelencia do produto mariño galego. A xornada continuou no espectacular Faro Vilán, escenario dun encontro gastronómico organizado por Galicia Calidade que permitiu aos asistentes gozar da paisaxe, do produto e da hospitalidade da Costa da Morte.

    Xa en Negreira, os participantes realizaron unha parada moi especial diante do mural conmemorativo creado por Fernando Yáñez para celebrar os 25 anos de Casa Barqueiro. A obra, que tamén rende homenaxe ao Concello de Negreira e á asociación Art for Dent, converteuse no lugar elixido para a tradicional fotografía de grupo que reuniu a chefs, colaboradores e organización.

    A emoción acadou un dos seus momentos máis intensos durante a homenaxe a Juan Mari Arzak, padriño do evento desde os seus inicios e figura fundamental na súa historia. O recoñecemento materializouse nun impresionante retrato de gran formato realizado tamén por Fernando Yáñez, acompañado de imaxes e lembranzas que repasaron unha amizade e unha colaboración que marcaron o camiño destas doce edicións.

    Xa pola tarde, a Finca Casa Barqueiro converteuse novamente nun gran punto de encontro para a gastronomía galega e ibérica. Centos de asistentes percorreron a feira gastronómica, descubriron os produtos e propostas das empresas colaboradoras e compartiron experiencias cos chefs convidados. Os bocados solidarios elaborados para a ocasión, a presenza de produtores de referencia e o apoio dos patrocinadores fixeron posible unha xornada onde a excelencia gastronómica e a solidariedade volveron camiñar da man.

    A música, os reencontros e o ambiente festivo puxeron o broche final a unha edición moi especial, marcada polo 25 aniversario de Casa Barqueiro e polo apoio á asociación Art for Dent. Unha vez máis, Estrelas Solidarias no Camiño confirmou que a gastronomía pode ser moito máis ca unha experiencia culinaria: unha ferramenta para crear comunidade, visibilizar causas e xerar esperanza.

  • As 25 estrelas de Casa Barqueiro iluminan Negreira: Fernando Yáñez inmortaliza Ponte Maceira nun mural solidario

    A arte, a solidariedade e o patrimonio volveron darse a man en Negreira.

    No marco de Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago, o pintor Fernando Yáñez realizou un mural conmemorativo inspirado nun dos lugares máis emblemáticos do noso territorio: Ponte Maceira, unha xoia patrimonial que forma parte da identidade cultural e paisaxística de Galicia e do propio Camiño de Santiago.

    A obra está situada na histórica rúa Carreira de San Mauro, a máis antiga e principal da vila de Negreira, un espazo cargado de historia polo que transitan cada ano milleiros de peregrinos na súa ruta cara a Fisterra e Muxía. A elección desta localización non é casual. O mural convértese nun novo punto de encontro entre a cultura, a arte contemporánea e a tradición xacobea, ofrecendo aos visitantes unha nova mirada sobre un dos símbolos máis recoñecibles da comarca.

    Esta iniciativa nace como parte das accións paralelas vinculadas ao evento gastronómico solidario impulsado por Casa Barqueiro a beneficio de Art for Dent, reforzando o compromiso do proxecto coa promoción da cultura, a integración social e o desenvolvemento comunitario a través de diferentes expresións artísticas.

    O mural representa a beleza e a singularidade de Ponte Maceira, recoñecido internacionalmente como un dos conxuntos etnográficos máis fermosos de Galicia e paso histórico do Camiño de Santiago. A interpretación artística de Fernando Yáñez consegue transmitir a esencia deste lugar único, convertendo unha parede nunha xanela aberta á memoria, á paisaxe e á identidade do territorio.

    Desde a organización queremos expresar un especial agradecemento ao Concello de Negreira polo seu apoio e colaboración para facer realidade este proxecto, así como aos propietarios da vivenda que cederon xenerosamente o espazo para que esta obra poida quedar como legado permanente para veciños, visitantes e peregrinos.

    A presentación oficial do mural reuniu representantes institucionais, membros da organización, colaboradores, veciñanza e persoas vinculadas ao evento, nun acto que serviu para poñer en valor o poder transformador da arte cando se pon ao servizo dunha causa solidaria.

    Con esta obra, Negreira suma un novo atractivo cultural ao seu patrimonio urbano e reafirma o seu papel como punto de encontro entre tradición, hospitalidade, creatividade e compromiso social.

    Porque as grandes iniciativas non só deixan recordos. Ás veces tamén deixan pegadas permanentes que falan daquilo que somos e dos valores que queremos compartir co mundo.


    25 estrelas no ceo.

    Un dos elementos máis significativos da composición son as 25 estrelas que Fernando Yáñez incorporou ao ceo da obra. Lonxe de ser un recurso meramente estético, estas estrelas representan os 25 anos de traxectoria de Casa Barqueiro, que celebra durante este 2026 un cuarto de século de dedicación á gastronomía, á hospitalidade e ao compromiso coa súa contorna.

    Este detalle converte o mural nunha homenaxe non só á paisaxe de Ponte Maceira, senón tamén á historia dunha empresa familiar que soubo medrar mantendo intactos os valores que a viron nacer. As estrelas simbolizan o camiño percorrido ao longo destes vinte e cinco anos, os retos superados, as persoas que formaron parte desta historia e a ilusión por seguir construíndo proxectos que unen excelencia, cultura e solidariedade.

    Deste xeito, a obra adquire unha lectura aínda máis especial: baixo un ceo iluminado por 25 estrelas, conflúen o patrimonio de Negreira, a inspiración artística de Fernando Yáñez e a celebración dunha efeméride moi significativa para Casa Barqueiro.

  • Estrelas no Camiño 2026 preséntase en Gonte: gastronomía, solidariedade e emoción no corazón de Galicia

    A Finca de Casa Barqueiro, en Gonte (Negreira), acolleu este martes 5 de maio a presentación oficial dunha nova edición de Estrelas no Camiño, unha cita que volve unir alta gastronomía, territorio e compromiso social.

    Un ano moi especial, marcado polo 25 aniversario de Casa Barqueiro, orixe e alma do evento, e pola homenaxe a unha figura clave na súa historia: Juan Mari Arzak, referente da cociña contemporánea e padrino desta iniciativa desde os seus inicios.

    Pero se hai un eixo central nesta edición é a súa causa solidaria.

    Art for Dent, no corazón do evento

    Este ano, os beneficios destinaranse á asociación Art for Dent, entidade galega que traballa para dar visibilidade á enfermidade de Dent, unha patoloxía renal rara.

    Durante a presentación, María Castelao Fraga, presidenta da asociación e nai de Hugo —paciente de Dent—, compartiu un testemuño profundamente humano que puxo en valor a importancia da investigación e do apoio social.

    A asociación conta coa colaboración do grupo de investigación NefroCHUS (IDIS, Santiago de Compostela), representado por:

    • Marta Vecino Pérez (investigadora predoutoral)
    • Miguel Ángel García González (investigador principal)
    • Pablo Pedrosa Lado (investigador posdoutoral)

    Un equipo que traballa no desenvolvemento de fármacos e biomarcadores para avanzar no coñecemento desta enfermidade.

    Primeiros bocados dun evento único

    Os asistentes puideron degustar tres das creacións que formarán parte da experiencia gastronómica do próximo 8 de xuño:

    • Pulpo de roca de Lira – Manuel Costiña
      Maridaxe: 1906 Red Vintage
    • Lateixo Atlántico (robaliza en manteiga torrada de améndoa) – Miguel González
      Maridaxe: 1906 La Milnueve
    • Millo con alma de choco – Fernando Pérez (Casa Barqueiro)
      Maridaxe: 1906 Black Coupage

    Un adianto do nivel culinario que reunirá a grandes nomes da gastronomía.

    Apoios e participación

    O evento contou coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que destacou o valor estratéxico desta iniciativa para o posicionamento gastronómico de Galicia.

    Tamén queremos agradecer:

    • Aos chefs participantes nesta presentación
    • Aos medios de comunicación e creadores de contido asistentes
    • Ao Concello de Negreira, polo seu apoio

     Entradas e Mesa 0

    Xa podes formar parte desta experiencia solidaria:

    👉 Entradas: https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/proyecto-solidario/488-lugar-de-gonte-/x3akkj66-estrellas-solidarias-en-el-camino-de-santiago

    👉 Doazóns (Mesa 0): https://artfordent.es

    Porque cada entrada é moito máis ca gastronomía: é apoio á investigación e ás familias.

  • Estrelas Solidarias no Camiño 2026: un novo capítulo no corazón de Galicia

    Despois dun tempo en silencio, volvemos ao blog de Estrelas Solidarias no Camiño para comezar a contar o que está por vir.

    A edición de 2026 será especial.
    Casa Barqueiro celebra 25 anos de historia, e este aniversario marcará un novo capítulo nun evento que une gastronomía, territorio e solidariedade no corazón do Camiño de Santiago cara Fisterra.

    Desde os seus inicios, entre encontros de amigos e grandes chefs en Negreira, Estrelas no Camiño foi medrando ata converterse nunha cita de referencia. Cada ano reúne a recoñecidos cociñeiros e sumilleres —con Estrela Michelin— nunha experiencia gastronómica única.

    Pero máis alá da alta cociña, hai algo que define este evento: o seu compromiso social. Cada edición nace cun propósito solidario, convertendo a gastronomía nunha forma de axudar e dar visibilidade.

    Nos próximos días iremos desvelando máis detalles.
    De momento, unha certeza:

    Hai experiencias que non se explican.
    Hai que vivilas.

    @estrelasnocamino

  • Manuel Costiña e o Retiro da Costiña levan a excelencia Michelin a Estrelas Solidarias

    Como novidade destacada este ano, unha das estacións gastronómicas foi comisariada por un Estrela Michelin.

    O privilexio recaeu no equipo de Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (2 Estrelas Michelin), quen cativou aos asistentes cun exquisito mousse de troita afumada sobre tartaleta de pasta fío e caviar Osetra de Ambrose & Paubet. Un bocado delicado que simbolizou á perfección a fusión entre vangarda culinaria e produto de proximidade, esencia que define a súa cociña.

    A presenza de Manuel Costiña nesta cita foi especialmente emotiva para moitos dos que formamos parte de Estrelas Solidarias, pois non só é un referente da alta cociña galega, senón tamén un amigo querido e un profesional profundamente comprometido cos valores que este evento representa. A súa familia, sempre presente, é exemplo de paixón, traballo e hospitalidade. Levan anos inspirándonos co seu xeito de entender a gastronomía como unha forma de coidar e celebrar a vida.

    Este encontro, que naceu como unha pequena reunión de amigos cociñeiros no ano 2014, consolidouse esta semana como un referente a nivel estatal. Grazas ao impulso incansable dos irmáns Rial dende Casa Barqueiro e ao apoio fiel de entidades públicas e privadas. Estrelas Solidarias é hoxe unha fusión única de alta cociña, territorio e solidariedade.

     

    Cando a estrela brilla preto: a arte de Retiro da Costiña en Estrelas Solidarias

  • Negreira convértese no epicentro da gastronomía solidaria coa XI edición de Estrelas Solidarias no Camiño

    No corazón de Galicia, a vila de Negreira volveu acoller esta fin de semana un dos encontros máis singulares do panorama culinario español: a XI edición de Estrelas Solidarias no Camiño de Santiago, un evento que une gastronomía, territorio e solidariedade e que tivo como anfitrión, unha vez máis, ao Restaurante Casa Barqueiro, propiedade dos irmáns Rial, verdadeiros motores e impulsores desta iniciativa que naceu no ano 2014 da man do xornalista e amigo Alberto Barciela, e que non deixou de medrar desde entón.

    Este encontro, que combina talento culinario e compromiso social, reuniu nesta edición preto de 60 Estrelas Michelin chegadas de todos os recunchos de España e tamén do estranxeiro. A cita contou coa presenza de figuras destacadas da alta cociña como Elena Arzak e Igor Zalakain, os irmáns Torres –recentemente recoñecidos coa Chaquetilla de Ouro 2025–, Jesús Sánchez, Paolo Airaudo, Paco Roncero, Francis Paniego, María Gómez, Fran López, Elio Ferpel, Fina Puigdevall, Miguel Barreda, e o recoñecido Bruno Oteiza, actualmente afincado en México, onde dirixe un dos 50 mellores restaurantes do mundo. Tamén destacou a presenza do sempre fiel Valerio Carrera, sommelier do restaurante A’Barra.

    A dimensión internacional do evento reafirmouse coa participación do chef portugués Arnaldo Azevedo, de Vila de Foz. A representación galega foi, un ano máis, unha das máis destacadas, coa participación de estrelas como Manuel Costiña, Lucía Freitas, Pepe Vieira, Marcelo Tejedor, Yayo Daporta, Brais Pichel, Óscar Vidal e o recentemente premiado cunha estrela Michelin Áxel Pichel. Entre as novas incorporacións desta edición salientaron Rubén Sánchez, do restaurante Epílogo, e Sara Ferreres, de Taller Arzuaga.

    Nesta ocasión, por razóns de forza maior, non puideron asistir algúns nomes ilustres do evento como Juan Mari Arzak, Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, Marcos Granda ou Nacho Manzano, cuxa ausencia foi sentida pero que deixaron o compromiso de regresar en futuras edicións.

  • Chaquetilla de Ouro 2025

    Un dos momentos máis emotivos do evento gastronómico solidario Estrelas no Camiño, organizado con tanto agarimo polos irmáns Rial do restaurante Casa Barqueiro, é a tradicional imposición de chaquetillas aos chefs participantes. Cada ano deseñase unha chaquetilla especial que destaca sobre todas: a Chaquetilla de Ouro.

    Esta distinción, ideada e impulsada polo xornalista e promotor cultural Alberto Barciela, simboliza moito máis ca un recoñecemento a unha traxectoria chea de éxitos. Representa a experiencia, a paixón pola gastronomía, a suma de estrelas Michelin acadadas, pero, sobre todo, o compromiso, a xenerosidade e a implicación con Estrelas no Camiño. É unha homenaxe a quen, máis alá do seu talento culinario, demostrou un corazón enorme e un vínculo especial con este proxecto solidario.

    Este ano, con gran emoción, a Chaquetilla de Ouro foi entregada aos irmáns Sergio e Javier Torres, de Cocina Hermanos Torres. Dous cociñeiros extraordinarios… e, o que é aínda máis importante, dúas persoas excepcionais. Polo seu carisma, pola súa proximidade, polo agarimo sincero que transmiten, a familia de Casa Barqueiro sentiunos como da casa desde o primeiro día.

    Ao longo dos anos, esta distinción tan especial tamén foi concedida a lendas da nosa gastronomía como Elena e Juan Mari Arzak, Martín Berasategui ou Marcos Granda, Chucho Costiña entre outros. Todos eles forman parte xa da historia e da alma de Estrelas no Camiño.