A XII edición de Estrelas Solidarias no Camiño deixou momentos inesquecibles que volveron demostrar a capacidade da gastronomía para unir persoas arredor da solidariedade, a amizade e o compromiso social.
As actividades comezaron coa visita dos chefs convidados a Stolt Sea Farm, onde puideron coñecer de preto o traballo desenvolvido arredor da acuicultura sostible e da excelencia do produto mariño galego. A xornada continuou no espectacular Faro Vilán, escenario dun encontro gastronómico organizado por Galicia Calidade que permitiu aos asistentes gozar da paisaxe, do produto e da hospitalidade da Costa da Morte.

Xa en Negreira, os participantes realizaron unha parada moi especial diante do mural conmemorativo creado por Fernando Yáñez para celebrar os 25 anos de Casa Barqueiro. A obra, que tamén rende homenaxe ao Concello de Negreira e á asociación Art for Dent, converteuse no lugar elixido para a tradicional fotografía de grupo que reuniu a chefs, colaboradores e organización.

A emoción acadou un dos seus momentos máis intensos durante a homenaxe a Juan Mari Arzak, padriño do evento desde os seus inicios e figura fundamental na súa historia. O recoñecemento materializouse nun impresionante retrato de gran formato realizado tamén por Fernando Yáñez, acompañado de imaxes e lembranzas que repasaron unha amizade e unha colaboración que marcaron o camiño destas doce edicións.
Xa pola tarde, a Finca Casa Barqueiro converteuse novamente nun gran punto de encontro para a gastronomía galega e ibérica. Centos de asistentes percorreron a feira gastronómica, descubriron os produtos e propostas das empresas colaboradoras e compartiron experiencias cos chefs convidados. Os bocados solidarios elaborados para a ocasión, a presenza de produtores de referencia e o apoio dos patrocinadores fixeron posible unha xornada onde a excelencia gastronómica e a solidariedade volveron camiñar da man.
A música, os reencontros e o ambiente festivo puxeron o broche final a unha edición moi especial, marcada polo 25 aniversario de Casa Barqueiro e polo apoio á asociación Art for Dent. Unha vez máis, Estrelas Solidarias no Camiño confirmou que a gastronomía pode ser moito máis ca unha experiencia culinaria: unha ferramenta para crear comunidade, visibilizar causas e xerar esperanza.




